Xoves, 20 Xuño, 2019
Iniciación á cata de cervexas con Estrella Galicia
Mércores, 29 de Xaneiro de 2014 12:08

Iniciación á cata de cervexas con Estrella Galicia

Estrella G 1   “Hijos de Rivera, S.A.”, ou o que mellor se coñece como “Estrella Galicia”, ven de colaborar co CIFP Compostela na formación dos seus alumnos no mundo da cervexa. Así o pasado 31 de xaneiro nas instalacións do Centro desenvolveuse unha actividade relacionada coa cervexa, dirixida a alumnos dos ciclos medios e superiores en Restauración.

Os contidos desenvolvidos consistiron nunha primeira introdución cunha presentación da firma comercial, produtos, comercialización e venda, consumos e comparativa con outras marcas comerciais, seguido dunha introdución histórica sobre a procedencia e cambios nos procesos de elaboración da cervexa, continuando cunha meticulosa metodoloxía sobre o proceso de elaboración que segue Estrella de Galicia.

Por suposto falouse da materia prima imprescindible para a obtención do prezado produto, auga, cereal, lúpulo e levaduras, partindo dunha estrita selección das mesmas e facendo fincapé na importancia da súa calidade. A obtención do “mosto” ou “mostos” que Estrella Galicia elabora como base para a obtención dos diferentes tipos de cervexa que comercializa, sen esquecernos da pasturización previa á distribución no mercado, ou da cervexa (0,0 e SIN) e o método de desalcolización ao que someten a cervexa antes do envasado.   Estrella G3

Finalmente procedeuse a identificar mediante cata comentada as virtudes e defectos que poden presentar as cervexas, atendendo a elaboración, envasado, transporte, conservación, temperatura de servizo e sobre todo as técnicas de servizo tanto de cervexa envasada como en barril. Neste último caso ensinóuselle ao alumnado asistente a tirar correctamente unha caña de cervexa, procedendo individualmente a facelo sendo corrixidos ao momento e modificando as técnicas nalgún caso.

As mostras obxecto de cata foron: Mosto de cervexa, cervexa verde, como mostras en proceso de elaboración. Como cervexas terminadas: Estrella Especial, 1906 red Vintage, Estrella Selección negra e Barril.

Durante o desenvolvemento da actividade, o alumnado asistente tivo a ocasión de formular cuestións sobre dúbidas e/ou inquedanzas sobre o temario tratado, para elo a firma comercial contou con D. Fernando G. Iglesias, técnico da mesma e responsable de calidade de mercado da empresa, que con mestría e dinámica didáctica dirixiu a actividade ate a consecución dos obxectivos previstos.

 O CIFP Compostela agradece a Estrella Galicia a súa colaboración e invitación formulada no seu nome polo experto que a representou, para visitar as instalacións da planta na Coruña a alumnado e profesorado do Centro. alt 

   Estrella G2

Última actualización el Vernes, 31 de Xaneiro de 2014 12:10